15 jul 2009

Querer suicidarse sen sabelo



O culto ao corpo, case unha “obriga social”, está a levarse cada día un inxente número de vidas de mozos e mozas. A anorexia e a bulimia, non son só trastornos da conduta alimentaria, senón que son auténticas ”enfermidades sociais” que se están a converter xa nunha auténtica lacra social reflexo dunha sociedade asentada nunha idea de que “a perfección si existe”

Urxe pois non só tomar conciencia desta realidade, senón tomar parte dela denunciando todos aqueles comportamentos sociais que lavan a que hoxe, estas dúas enfermidades sexan unha sangría social que afecta cada vez a idades máis temperás. O que comeza case como unha “broma”, acaba coverténdose nun verdadeiro intento de acabar coa túa vida.

Cando falamos de anorexia e bulimia, preocupante parece a falla absoluta dunha actividade preventiva especialmente nos centros de ensino. Estamos a falar de enfermidades cunha moi difícil cura que teñen que ser especialmente evitadas a través da prevención, e que non poden resultar invisibles aos currículos formativos dos nosos pequenos e pequenas.

A nivel asistencial, non existen a día de hoxe centros de saúde públicos que traten adecuadamente estas enfermidades, coas especificidades que estas poden ter e con especialistas na materia que axuden a recuperar hábitos de conduta saudables ou simplemente a quererse.

Pero ademais hoxe, os medios de comunicación estenden máis que nunca esa necesidade social de culto ao corpo: modelos perfectos, presentadores/as de televisión perfectos; revistas xuvenís onde se recomenda con vehemencia facer dietas milagre....Todo isto “educa” á nosa mocidade na importancia de ter un corpo perfecto, que pasa, en moitas ocasións, pola extrema delgadeza.

Especialmente duro resulta ver a unha nai, enferma dende hai trece anos, que treme sentada no sofá mentres a duras penas, trata de “non comer”. Non pode sentarse a cear cos seus fillos porque non soporta estar cerca da comida; non pode facerlles a cea coa súa parella, porque con pode soportar a idea de contacto coa comida; non pode sentarse ao carón dos seus fillos na mesa porque non soporta ulir a comida…En realidade pensa que tocar a comida, ulir a comida, engorda.

Porque cando coa túa voz, coa túa mirada, cun simple susurro acabas transmitido que comer é un auténtico dolor, os límites do humano convértense en inhumanos e nace unha nova forma de suicidio.

Seja o primeiro a comentar

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Opinións opinables ©Template Blogger Green by Dicas Blogger.

TOPO  

Free counter and web stats