5 jun 2009

E tanto que importa...


Tivo que ser unha clara agresión ós dereitos básicos e ás conquistas sociais a que nos abrise os ollos. A proposta de ampliación da xornada laboral semanal a 65 horas foi o detonante:

Estamos en Europa e somos Europa; estamos en Europa e as decisións do Parlamento Europeo aféctannos de tal modo que lexislan directamente sobre os nosos dereitos básicos. Somos Europa porque por fin coñecemos a un eurodiputado polo seu traballo en Bruxelas; Alejandro Cercas, ao que lle temos que agradecer ter liderado a oposición a esta agresión dos liberais europeos á clase traballadora e ós seus dereitos fundamentais.

Esta medida acaba de despertar conciencias dalgúns que vían Europa como un ente lonxano do que se recibían investimentos nalgúns países; dalgúns que vían Europa coma un lugar onde viaxar low cost que non tiña nada que ver connosco. Esta realidade mudou, e mudará aínda máis.

O que significou de raíz esta proposta foi un modo de entender Europa por parte da dereita máis antisocial que temos visto en moito tempo; unha dereita que quere entender Europa como un simple mercado de intercambio de produtos e man de obra e non coma un auténtico centro de políticas sociais de igualdade, de cooperación, de xustiza social...

Europa hai tempo que deixou de ser un simple mercado, e camiñar cara unha Europa social non depende só dos/as políticos que ocupen un asento en Bruxelas; depende do grao no que a cidadanía decidamos coparticipar das políticas que se impulsan dende eses asentos, para así poder ser copartícipes dunha Europa máis social.

Cada día son máis os estudantes que reciben unha bolsa digna (gracias ó goberno de Zapatero) para realizar estudos no estranxeiro; cada día somos máis os que sentimos que as fronteiras hai tempo que teñen deixado de ser barreiras; cada día somos máis os que concebimos a cidadanía europea como un dereito das persoas que materialice unha igualdade inalienable para os europeos e europeas.

Por iso, o próximo 7 de Xuño, decidiremos máis conscientes o tipo de Europa que queremos. Decidiremos si queremos unha Europa social ou a Europa das 65 horas, decidiremos entre a Europa de Berlusconi, a Europa de Le Pen, a Europa de Sarcozy, ou a Europa dos cidadáns. Porque o que realmente está en xogo é apostar por unha europa neo-liberal onde o progreso económico estea por riba do progreso social, ou apostar por unha europa social onde a cidadanía sexamos o centro das olladas de Bruxelas; unha Europa máis xusta, máis igualitaria, máis solidaria.


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Opinións opinables ©Template Blogger Green by Dicas Blogger.

TOPO  

Free counter and web stats